Saturday 20 de April de 2024

O PP de Cambre reclama que se dea unha solución real aos veciños de Cela, “levan demasiado tempo esperando para ter un local social e parece que ante a falta de resposta do goberno local de Cambre terán que seguir esperando”


O novo centro sociocultural de Cela adxudicado en outubro de 2020 por 180.330,06 euros e cun prazo de execución de dez meses, leva ano e medio pendente de entrega.

O alcalde, Óscar García Patiño, anunciou que “o edificio estará rematado e entregado para o seu uso antes de que remate 2021”. A día de hoxe a situación segue a ser a mesma e cunhas instalacións que comezan a deteriorarse por falta de uso e coidado por parte do concello, mentres que os veciños seguen á espera.

Dende o Partido Popular de Cambre “non entendemos o motivo do atraso no remate e entrega do novo local social de Cela”, polo que se solicitou por rexistro o expediente da obra, xa que non se recibiu ningún tipo de aclaración a este respecto.
“Os veciños de Cela necesitan e merecen coñecer o verdadeiro motivo do atraso na entrega do local, e non que sigan dando escusas e ampliando os prazos, mentres que os cartos dos veciños de Cambre se destinan a construír una instalación que leva abandonada desde hai un ano”, afirmou a candidata á alcaldía polo Partido Popular, Diana Piñeiro.